Na Comunidade Autónoma de Galicia dende o ano 1990 véñense desenvolvendo programas de mellora xenética que contribuíron ó incremento das capacidades productivas das razas de gando explotadas en Galicia, tanto en cantidade como en calidade, con medidas destinadas á prestación de apoio técnico necesario para mellora-la eficacia e a profesionalidade das explotacións, contribuíndo á súa viabilidade a longo prazo. Entre os obxectivos do Plan Integral de Mellora Xenética (1990-2000) e do Programa de Mellora Gandeira (2001-2006) están o aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa competitividade e do nivel de vida dos gandeiros, a modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e producción animal, a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios e das calidades nas súas produccións e a optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Xenética Fontao, S.A. é unha empresa pública que foi creada en 1998 e ten financiamento conxunto entre a Xunta de Galicia por medio do F.O.G.G.A. (Fondo Galego de Garantía Agraria) e as asociacións de gandeiros F.E.F.R.I.G.A. (Federación Frisona Galega) e A.C.R.U.G.A. (Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega), encárgase da xestión do Centro de Escolma e Reproducción Animal de Galicia, que conta con 250 sementais, de razas Holstein e Rubia Gallega para producción leiteira e cárnica, respectivamente, ademais posúe un banco de doses de raza Pardo Alpina e das razas Morenas Galegas. No ano 1999 creouse o Laboratorio de Xenética Molecular, como unha nova unidade para a prestación de servicios mediante o emprego da biotecnoloxía do ADN nos campos da Sanidade e Producción Agropecuaria.